Criterios éticos

Entendendo que a coherencia é un principio irrenunciábel na actividade da Fundación convértese en imprescindible regular de forma suficiente uns principios de coherencia a respecto da recepción das diferentes doazóns que cheguen a ofrecerse á Fundación.

Considerouse pertinente establecer un conxunto de criterios positivos e negativos para a aceptación das diferentes doazóns que poidan ofrecerse á Fundación.

Os criterios establecidos son os seguintes:

Criterios positivos:

Serán consideradas colaboracións acordes co espírito e finalidades da Fundación aquelas que proveñan de persoas, entidades ou empresas que na súa actividade fomenten:

  1. A creación de emprego estábel e de calidade, con especial preferencia polas cooperativas, entidades de economía social e solidaria e empresas e iniciativas de inserción laboral de colectivos en dificultades.
  2. A produción de bens e a prestación de servizos de calidade e a prezos alcanzábeis, primando no posíbel a utilización de materiais naturais ou da menor elaboración.
  3. A articulación de mercados sociais e de modelos económicos baseados na intercooperación e as prácticas da economía solidaria.
  4. A prestación de servizos de calidade e outras axudas a persoas con diversidade funcional.
  5. A conservación e reprodución da enerxía mediante a utilización de fontes sustentábeis e non contaminantes ou a realización de actividades que potencien aquelas, como a rehabilitación de vivendas utilizando criterios de sustentabilidade e aforro enerxético.
  6. A reciclaxe de materiais e produtos, así como do seu empaquetado e a minimización de residuos.
  7. A redución dos procesos de distribución, en especial do transporte a longas distancias.
  8. A adopción de políticas ambientais e apoio a iniciativas sociais.
  9. Iniciativas a favor do desenvolvemento local.
  10. A igualdade de oportunidades de xénero nas súas actividades de produción de bens e prestación de servizos e medidas que faciliten a corresponsabilidade nos coidados.
  11. A transparencia na xestión económica e financeira.
  12. As relacións internacionais transformadoras, baseadas na colaboración horizontal e que xeren impactos positivos recíprocos, coas áreas económica e socialmente precarias de calquera localización xeográfica.
  13. As accións que conduzan ao empoderamento das minorías desfavorecidas residentes no Estado español.
  14. A utilización de software e licenzas libres e de coñecemento compartido.

Criterios negativos:

Serán consideradas colaboracións non acordes co espírito e finalidades da Fundación aquelas que proveñan de persoas, entidades ou empresas que na súa actividade fomenten:

  1. A produción e venda de armamento e as prácticas económicas que denigren ás persoas e que potencien os xogos e casinos.
  2. O apoio a réximes políticos ditatoriais.
  3. A utilización de man de obra infantil, violación das normas de seguridade e saúde no traballo, realización de expedientes de redución de persoal inxustificados, carencia de normas de igualdade de acceso a postos de traballo ou de conciliación da vida persoal e laboral.
  4. A destrución do medio ambiente, contaminación do chan, auga, o ar, produción e distribución de pesticidas, produción de enerxía nuclear, etc..
  5. A experimentación con animais.
  6. A especulación financeira e a utilización de paraísos fiscais.
  7. Agricultura intensiva e a enxeñaría xenética
  8. O uso de madeira tropical como materia prima ou a talla de bosques tropicais de explotacións non sustentábeis.
  9. Un comportamento comercial e publicitario tendencioso e sexista que, mediante a manipulación das persoas consumidoras, fomente estereotipos heteropatriarcais.
  10. Calquera modo de clientelismo político e corrupción.
  11. Os monopolios económicos.