Que é?

A Fundación Coop57 é unha ferramenta creada por Coop57 para dotarse de novos mecanismos que lle permitan cubrir novas necesidades. Faise co obxectivo de fortalecer o desenvolvemento da economía social e solidaria e contribuír á loita por unha transformación social en positivo que axude a construír unha economía baseada nas persoas e no desenvolvemento xusto e equitativo da nosa contorna.

A Fundación é unha ferramenta complementaria ao traballo que xa está a realizar Coop57 e permite cubrir dous baleiros que ten actualmente a actividade de Coop57:

  • Articular un mecanismo de recollida de doazóns a través de achegas puntuais, achegas periódicas, a renuncia voluntaria á remuneración das achegas voluntarias dos socios e socias de Coop57, herdanzas, fondos de formación, promoción e educación cooperativa, convenios de colaboración con outras entidades, etc.
  • Articular un mecanismo complementario de apoio financeiro a iniciativas de economía social e solidaria con carácter transversal, que requiren instrumentos diferentes que os empréstitos que actualmente ofrece Coop57 (achegas a fondo perdido con retorno social, avais ou garantías, bonificación de intereses, etc.)

A Fundación Coop57 quere dar resposta a novos requirimentos que se expoñen a Coop57 e aos que dificilmente se pode responder desde a estrutura cooperativa e espérase que a Fundación poida ser un instrumento adecuado e complementario para desenvolver actividades financeiras no marco da economía social e solidaria.

A Fundación é considerada como un instrumento ao servizo da actividade e dos fins e destinatarias de Coop57, da que extrae os seus principios de actuación e o seu funcionamento democrático, a través da participación nos seus órganos da representación do seu corpo social, entidades e persoas socias colaboradoras.