Deixa a túa herdanza á Fundación Coop57 e axuda a facer realidade máis proxectos
1- Que é un testamento solidario?
Un testamento solidario é un testamento que indica como beneficiario de todo ou parte dos teus bens unha ou varias causas benéficas, a través de entidades sen ánimo de lucro, como poden ser as fundacións ou as organizacións non gobernamentais.
A través dun testamento solidario, podes asegurarte de que o teu patrimonio contribúa á ou ás causas que ti escollas. Podes modificar o testamento tantas veces como queiras ao longo da túa vida.
2- Que podes deixar á Fundación?
Aquilo que ti consideres axeitado, xa sexa todos os bens que teñas no momento da defunción, unha parte ou un ben concreto, xa sexa diñeiro en efectivo, bens mobles e inmobles ou valores financeiros, en función das túas circunstancias e desexos. Non é necesario que sexa un gran patrimonio, calquera achega suma para facer posible a nosa tarefa.
3- A que destinaremos a túa herdanza ou legado solidario?
Destinaremos a túa herdanza ou legado solidario a promover a transformación social e económica a través dos seguintes ámbitos estratéxicos:
Loita contra as desigualdades e a exclusión social: Desenvolveremos dispositivos comunitarios, emancipadores e transformadores coa participación directa das persoas afectadas para superar os marcos asistenciais e paliativos.
Loita contra a precariedade laboral: Daremos apoio ás loitas obreiras e activaremos complicidades con movementos sociais para defender os dereitos laborais e sindicais básicos en moitos sectores produtivos.
Revitalización do mundo rural: Impulsaremos a agricultura sustentable, a soberanía alimentaria, a xustiza ambiental e a biodiversidade, considerando o mundo rural como un eixo central ante a súa crise evidente.
Transición enerxética: Daremos apoio a procesos que impulsen a transición enerxética e aporten solucións para construír un mundo habitable, vivible e sustentable nun contexto de límites ecolóxicos e colapso enerxético.
En resumo, a túa herdanza ou legado solidario será un motor para a transformación social, creando emprego estable e de calidade, fomentando a sustentabilidade e a soberanía, traballando pola inclusión e reforzando a cultura e os espazos de socialización, fortalecendo o tecido social e promovendo unha sociedade máis xusta e equitativa.
4.- Como outorgar o testamento solidario?
Tes diversas formas de deixar bens á FUNDACIÓN COOP57
1- PODES NOMEAR A FUNDACIÓN COOP57 HERDEIRA UNIVERSAL no caso de que non teñas lexitimarios, entregando todos os bens e dereitos.
“Institúo herdeira universal dos meus bens á Fundación Coop57, para que os destine ao cumprimento dos seus fins.”
2- PODES NOMEAR COHERDEIRA Á FUNDACIÓN COOP57 no caso de que queiras entregar os teus bens a máis dunha persoa ou institución; cómpre que sinales no testamento as diversas herdeiras e a porcentaxe asignada a cada unha delas.
“Nomeo herdeira da metade (un terzo, porcentaxe…) do meu patrimonio á Fundación Coop57, para que o destine ao cumprimento dos seus fins.”
Incluír a Fundación Coop57 no teu testamento en ningún caso prexudicará os teus lexitimarios, xa que eles recibirán o que lles corresponde por lei.
3- PODES DOAR UN BEN CONCRETO OU CANTIDADE DE DIÑEIRO Á FUNDACIÓN COOP57 a través dun legado.
“Nomeo legataria de (sinalar bens ou cantidade de diñeiro), á Fundación Coop57 para que o destine ao cumprimento dos seus fins.”
5- Pasos a seguir
1- Ten presentes os teus bens para saber que podes legar
2- Consulta cun notario ou notaria á hora de redactar o testamento. Asesorarante na redacción, resolverán todas as dúbidas e porán en valor detalles importantes, garantindo a validez do documento e que este se cumpra tal e como o estableces.
3- Inclúe á Fundación Coop57 como herdeira do teu legado cos seguintes datos:
Fundación Coop 57
G66248089
Rúa Premià 15 Baixos, 08014 Barcelona
4- Podes informarnos de que incluíches a Fundación no testamento. Isto facilitará moito o proceso e garantirá que os teus bens terán o destino que estableces.
6- Podo incluír á Fundación Coop57 na miña póliza de seguro de vida como beneficiaria?
Si. Debes comunicalo á túa aseguradora, indicando, como no caso do testamento, os datos fiscais da Fundación.
7- Que pasa co imposto de sucesións no caso de incluír á Fundación Coop57 no testamento?
A parte da herdanza que outorgues á Fundación Coop57 quedará exenta de pagar o imposto de sucesións e doazóns.
8- Pensaches en legar a túa herdanza á Fundación? Precisas máis información? Contacta connosco:
Fundación Coop57, rúa Premià, 15 Baixos, 08014 Barcelona – Teléfono 932682949
fundacio@coop57.coop