Hoxe, martes 8 de xuño, ábrense as inscricións do Germinador Social, o concurso que impulsamos a Fundación Coop57 e Som Energia, e que pretende estimular a creación de novos proxectos que xeren modelos sociais innovadores e que fomenten a transición enerxética no marco da economía social e solidaria. Nesta edición, o concurso céntrase nas comunidades enerxéticas e os proxectos que traballan para facer fronte á pobreza enerxética.
Categorías do concurso
O Germinador Social deste ano terá dúas categorías:
→ Comunidades enerxéticas: proxectos que teñen como obxectivo impulsar a aparición dunha comunidade de persoas que, a través dunha participación aberta e colaborativa, poida emprender as accións necesarias para xestionar os recursos enerxéticos a escala local dunha maneira xusta, eficiente e sostible.
→ Pobreza enerxética: proxectos que teñen como obxectivo mitigar as causas e consecuencias, estruturais e contextuais, da pobreza enerxética (dificultade de acceder a unha cantidade de enerxía suficiente para satisfacer as necesidades domésticas).
Premios
Estes son os premios da 5ª edición do Germinador Social:
Categoría Comunidades Enerxéticas:
- Para o proxecto máis votado: dotación de 6.000 euros.
- Para o 2º proxecto máis votado: dotación de 5.000 euros.
- Para o 3º proxecto máis votado: dotación de 4.000 euros.
Categoría Pobreza Enerxética:
- Para o proxecto máis votado: dotación de 6.000 euros.
- Para o 2º proxecto máis votado: dotación de 5.000 euros.
- Para o 3º proxecto máis votado: dotación de 4.000 euros.
Ademais, todos os proxectos gañadores poderán pedir un préstamo a Coop57. En caso de concederse, terán unha redución do 50% do custo financeiro asociado durante os dous primeiros anos.
A dotación económica dos premios corre a cargo de Som Energia, que fai unha achega a fondo perdido de 30.000 euros. Este importe provén do fondo de educación e promoción de actividade cooperativa.
Votación popular
Este ano os premios decidiranse por votación popular, a través do web do Germinador Social, entre o 15 de setembro e o 20 de outubro, poñendo en valor o apoio social, as redes e o arraigamento territorial. Previamente, o equipo de organización do concurso validará os proxectos de acordo a estas características:
- O impacto social e ambiental do proxecto na contorna máis próxima, o arraigamento territorial e a súa dimensión comunitaria.
- A contribución do proxecto ao desenvolvemento de novos modelos para a transición enerxética, a eficiencia enerxética e a democratización da produción, acceso e consumo de enerxía.
- A contribución do proxecto ao desenvolvemento da economía social e solidaria, e a profundización de modelos de democracia económica.
- A sustentabilidade técnica e económica do proxecto a longo prazo.
- O grao de innovación e orixinalidade do proxecto e a capacidade de resolver necesidades sociais e ambientais.
- A replicabilidade do proxecto: capacidade de ser replicado noutros lugares e/ou por outros axentes.
- A sensibilidade e conciencia cara á mirada de xénero e o desenvolvemento de accións para garantir a diversidade dentro da organización.
- A existencia de mecanismos de gobernanza e participación para vehicular as inquietudes e iniciativas do colectivo.
A quen vai dirixido
O Germinador Social está aberto a iniciativas de todo o estado español que sexan de creación recente (menos de tres anos de vida) e aquelas, xa existentes, que inician unha nova liña de actividade dentro da organización. Os proxectos presentados deben contribuír á transición enerxética e deben organizarse nalgunha das seguintes formas de economía social e solidaria:
- Cooperativa
- Sociedade laboral
- Mutualidad
- Empresa de inserción Centro especial de emprego
- Sociedade agraria de transformación
- Asociación
- Fundación
Adicionalmente, aceptaranse proxectos embrionarios, aínda que sen forma xurídica ou en proceso de constitución, enmarcados nos principios da Economía Social e Solidaria. Por outra banda, as entidades que fosen premiadas previamente poden volver presentarse cun novo proxecto dentro da súa actividade.
Fases do concurso
- Inscricións: do 8 de xuño ao 18 de xullo.
- Validación dos proxectos presentados: do 19 de xullo ao 14 de setembro.
- Votación popular: do 15 de setembro ao 20 de outubro.
- Presentación dos proxectos premiados: 2 de novembro.
Como participar
2.- Prepárate: fai un vídeo de presentación, que explique o proxecto e que parte se pretende financiar coa achega do Germinador Social.